13 sept 2013

CANDO CHOVE SOBRE MOLLADO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Nin a aconsellable transparencia, nin as boas prácticas son pezas de acompañamento no funcionamento das institucións públicas tocante ao marco da contratación, pois sen excepción, as decisións nesta  materia están dominadas por un halo de discrecionalidade.

Debeu ser o mitolóxico Xúpiter, aquel deus da chuvia, o raio e o lóstrego quen o pasado mércores non quixo perderse a inauguración do curso político no Pazo da Carreira de San Jerónimo, e alí, empolicado na cuberta do Congreso dos Deputados deu en facer trasnadas, e mentres provocaba un trebón torrencial removía as tellas no seu tellado, deixando que entrase a auga a chorros dentro do hemiciclo nun día tan significado; forzando de tan húmido xeito a suspensión da sesión, xusto cando, as súas señorías sorprendidas e sen paraugas ían retomar a actividade parlamentaria.

Ou ben foi este o motivo ou caso contrario non queda outra que aducir que debeu ser cousa do demo, pois o que resulta inadmisible, é pensar que tal continxencia viñese motivada pola neglixencia da empresa adxudicataria; unha firma líder da primeira división, que ao parecer, en razón a esa categoría, foille outorgada pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado a execución das obras que por importe de 4,5 millóns de euros, incluían entre outras actuacións a substitución das cubertas do complexo da cámara baixa.

Traballos para cuxa licitación seguiuse o método "negociado sen publicidade", é dicir, sen concurso aberto nin difusión, ou o que en práctica de equivalencia resulta ser o mesmo, que unha arbitraria contratación a dedo.

Todo un atípico procedemento cuxa utilización difire no substancial dos supostos de aplicación reservados para a posta en práctica desa modalidade contractual, ao non se dar neste caso nin causas xustificativas, nin solidez de argumentos que debesen avalar a súa utilización, e polo tanto a súa imposición forzada, ademais de disconforme, ocasiona unha flagrante discriminación, ao ser resolto pola administración mediante convite restrinxido en vantaxe única do adxudicatario, por canto resulta obvio que a través deste sistema conculcouse a libre e pública concorrencia.

Discrecionalidade que sumada a unha inadecuada tramitación, dá renda solta para que no ánimo dos administrados prodíguese a desconfianza que provoca todo trato de vantaxe salpicado de opacidade, síntomas que polo seu propio carácter perverten o procedemento deixando porta aberta ao contaxio da corrupción.

Deficiencias que neste caso non veñen soas, pois á citada irregularidade contractual haberá de engadirse o reproche que por neglixencia merece a lixeireza de comportamento dunha clase política que en plena época de recesión mentres esixe sacrificios a destro e sinistro non reparan en consumar suntuarias intervencións destinando un gasto multimillonario xusto no momento mais inadecuado e para unha finalidade totalmente prescindible.

De aí que o incidente das goteiras do Congreso, á parte do seu carácter de continxencia, veña de resucitar o feito, que a contratación pública é a actividade de goberno mais exposta á perversión por parte dos que ven a función pública como  un botín político, e que por sarcástico que aparente, teñen na propia Lei de Contratos do Sector Público o aliado mais apropiado para cometer impunemente uns actos de corrupción. que pola súa proliferación extensiva tomaron condición sistémica e estrutural.

Nin a aconsellable transparencia, nin as boas prácticas son pezas de acompañamento no funcionamento das institucións públicas no marco da contratación, pois sen excepción, as decisións nesta  materia, están dominadas por un halo de discrecionalidade onde prevalecen os criterios de oportunidade política ou de opaca conveniencia sobre a fiabilidade e o rigor das mellores ofertas; decidíndose as adxudicacións dos concursos á marxe de toda disciplina, condicionadas exclusivamente ao nivel da peaxe aboada á marxe dos termos previstos nas regras de aplicación, e  dos termos establecidos nos pregos de condicións. Extremo contrastable coa mera supervisión dos expedientes delituosos dos incursos en causas xudiciais connotadas con esta actividade, como tamén, revisando aleatoriamente o contido das ofertas de licitación en contraste coas resolucións recaídas.


Actualmente a contratación pública segue a ser o maior foco de corrupción do país, e o seu remedio non radica tan só na remisión taxativa ao Código Penal dos presuntos implicados, sendo necesario por eficacia de resultados a aplicación de remedios complementarios que no plano político limiten a concorrencia dos afectados ao proceso electoral, de tal modo que politicamente a corrupción mais que un delito exento de cargo arrastre repercusións limitativas. Tendo de engadir a iso a cesión parcial das competencias políticas en materia de contratación a favor doutros cargos executivos, para que esta mingua de atribucións, erradique toda trama de intereses e por deriva oposta poida ser devolta a decencia á función pública.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario