16 ago 2013

UN CAMIÑO A NINGURES

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

De aí, que por xusto encadre haxa de concibirse ao neoliberalismo non tan só como unha ideoloxía económica, senón ademais, como un pensamento fundamentalista da vida con tendencia perturbadora, que polo seu carácter excluínte e marcadamente absolutista.

Quen fose destacado adaíl do neoliberalismo, o economista Milton Friedman, a pesar que de labios a fóra preconizaba a ausencia de toda intervención estatal na economía, curiosamente, a título persoal non predicaba co exemplo facendo caso omiso dos seus propios postulados, e así en práctica inversa, durante toda a súa vida profesional non dubidou en acollerse ás subvencións do estado de Illinois, para sufragar economicamente o desenvolvemento da súa actividade docente na "escola de Chicago", é dicir, unha mostra de perversión dun personaxe incoherente, a do teórico neoliberal cargado de contradicións que sen acudir a axudas do estado tería arruinado a súa función mercantil ás primeiras de cambio.

Irónico contrasentido de quen en vida ostentara a paternidade do moderno neoliberalismo económico; esa predicada doutrina que tras as súas hipotéticas vantaxes, enmascara un transfondo reaccionario que ademais de desvalorizar o sistema democrático, induce a incautación do aparato do estado, abrindo vía libre á liberalización de todo o público e a conversión dos recursos sociais en amortización financeira.

Eses expoñentes son o vivo reflexo da realidade extensiva que actualmente domina o panorama socio económico do noso país, cuxo afianzamento conta coa participación dunha xeración de substitución, herdeira dogmática das teses do autor neoiorquino, refírome aos membros do neoliberalismo español, ou o que é o mesmo, ese agrupado de paridade ideolóxica no que conflúe un reconvertido socialismo e unha dereita recalcitrante, digamos PSOE e PP.

Pois por desconcertante que aparente, estas organizacións a pesar de manter ante os electores a ficción das súas diferenzas a través de recias rivalidades retóricas, o certo é que as dúas correntes políticas son simplemente axentes intercambiables que en razón á súa capitalización electoral, alternativamente, veñen sendo utilizadas polo neoliberalismo como colaboradores necesarios, coa exclusiva finalidade de levar a termo o seu perverso obxectivo, que non é outro, que crear unha sociedade de desigualdades, onde pequenas elites económicas sexan os únicos favorecidos a custa de estender a pobreza á gran maioría social.

De aí, que por xusto encadre haxa de concibirse ao neoliberalismo non tan só como unha ideoloxía económica, senón ademais, como un pensamento fundamentalista da vida con tendencia perturbadora, que polo seu carácter excluínte e marcadamente absolutista, resulta totalmente contraproducente para a estabilidade do país e altamente pernicioso para a súa saúde económica e democrática.

É evidente que estes prosélitos do credo neoliberal foron os causantes da crise, de aí que supoña un contrasentido que como culpables do caos, agora, sigan á fronte da función política defendendo intereses minoritarios ligados aos seus aliados capitalistas, destinando miles de millóns de euros de diñeiro público a salvar ás entidades bancarias copartícipes da hecatombe, mentres non reparan en reducir o estado social a mínimos á vez que escamotean recursos de apoio ao fortalecemento do tecido empresarial e do emprego.

Unhas políticas de axuste que sen ser a solución de nada veñen a incitar a gravidade dos problemas existentes para desembocar nunha crise social de múltiples consecuencias; onde á depresión económica se lle suma a psicolóxica, sendo o abismo do desemprego, a degradación dos desafiuzamentos e o atraco aos preferentistas, expoñentes dos seus lesivos efectos que conxuntamente á afección repercutida en sanidade e cultura confórmase o mapa actualizado da crua realidade española.

Para maior complexidade é perceptible que o neoliberalismo como ideoloxía é inherentes da corrupción, e non soamente no plano individual, senón que o propio sistema que esa ideoloxía propicia é factor desencadeante de corrupción colectiva, cuxa proliferación se estende por igual dende o goberno ata o conxunto de expresións do sistema, abranguendo na súa afección dende o mundo empresarial ata os partidos políticos. Todo un referente de decadencia e de perda de principios éticos que rompe a cohesión social e debilita a institucionalidade, deixando relegada a democracia a un mero referente electoral, onde paradoxalmente os compromisos non toman condición de obrigas.

Por iso que os electores teñen a chave do cambio se queren erradicar o favorable statu quo duns poucos en vantaxe do interese colectivo, tomando para iso parte activa nunha rebelión pacifica pero belixerante, orientada a suprimir da actualidade política a ideoloxía excluínte do neoliberalismo, e a arma mais contundente para lograr tal finalidade é a emisión dun voto de conciencia e eficacia probada, para así evitar que os adictos a reproducir o despropósito de Milton Friedman sigan a conducirnos en dirección contraria ao futuro.





No hay comentarios:

Publicar un comentario