30 ago 2013

EMPREGO, UN OBXECTIVO QUIMÉRICO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


 O Estado actual, mais que o conxunto dunha sociedade política e xuridicamente organizada capaz de impoñer a autoridade da lei, é un monopolio en mans dos mercados financeiros .........


A pouco que pasen os días e o estío vaia chegando á súa fin, tamén o barómetro estatístico verase afectado polo cambio estacional, e o descenso do mercurio non só influirá na térmica ambiental, senón tamén no desemprego, cuxa alteración revelará que aquela alardeada reactivación de meses atrás, lonxe de supoñer un cambio de tendencia no mercado laboral como indebidamente apuntaba o Goberno, a realidade é que tal espellismo debíase única e exclusivamente ao 'efecto verán', é dicir, ao influxo do arrastre ocasionado pola temporalidade turística e as campañas agrícolas de marcada estacionalidade.

De aí que agora, cando á estatística temos de cepillar o po da contaminación política é obrigado poñer límite á distorsión, pois ao mostrarse a evidencia, os feitos indican que aquela hipotética xeración de emprego foi tan só unha fábula do Partido Popular, un avultado de provisionalidade na marcha imparable da destrución do tecido produtivo, e o que é mais grave, unha mostra incontestable conforme a economía española na súa actual tesitura será incapaz de crear emprego neto en termos desestacionalizados.

A pesar do negativo impacto de resultados e que as previsións non auguran cambios en positivo, lonxe de asumir que pola vía de recortes e axustes é imposible gañarlle o pulso ao desemprego, o presidente Rajoy, inmune á denegación das cifras e presa dun optimismo enfermizo, opta por virarlle as costas á realidade mantendo continuidade co contrasentido, por medio doutra inútil Reforma Laboral e o acompañamento dunha inservible Lei de Emprendedores.

Parches ineficaces, como resulta de todo marco lexislativo que en materia laboral non traia por escolta a garantía de financiamento necesario aos directos axentes de emprego, é dicir, das miles de pemes, autónomos e emprendedores; de tal modo, que mais que ter que debaterse nunha interminable prórroga de subsistencia, poidan cumprir firmemente o seu verdadeiro papel como auténticos dinamizadores da economía e creadores de riqueza e emprego.  

Para maior abundancia temos  de constatar que a actual ausencia de crédito ameaza con afondar o calado da crise en razón a un maior debilitamento do tecido produtivo, cuxo 99% da súa estrutura, está agrupado en micropemes e pequenas e medianas empresas que pola cerrazón bancaria a prestar diñeiro, sumado aos problemas de precariedade financeira que a situación proxecta, acentúan o clima de deterioración; situación que de non se remediar de inmediato aventura o incremento da destrución das actividades empresariais, e por conseguinte, o ascenso dos índices de desemprego.

Unha barbarie inxustificable, dende o punto e hora que isto sucede unha vez producida a capitalización da banca española con inxección de axudas públicas por máis de 40.000 millóns de euros, e que en teoría faría que fluíse o crédito e que a maquinaria da actividade produtiva volvese poñerse en marcha.

A falta de interrelación efectiva entre o rescate bancario e o financiamento empresarial, pon de manifesto que a ollos do neoliberalismo imperante que rexe os destinos do país, a economía real, mais que un obxectivo preferente tende a cumprir unha función accesoria, dada a súa relegación a un segundo plano en vantaxe da economía especulativa como factor dominante.

Toda unha manobra de curtidade que desenmascara a falsidade do dogma neoliberal que formula o rexeitamento da intervención do Estado na economía, por canto, a evidencia pon de manifesto que o Estado actual, mais que o conxunto dunha sociedade política e xuridicamente organizada capaz de impoñer a autoridade da lei, é un monopolio en mans dos mercados financeiros, que carentes de estratexias de emprego impoñen a factura dos seus excesos, e collendo a saco o control, fan que todo funcione en exclusiva vantaxe dos seus propios intereses, contando co beneplácito e a colaboración necesaria do sector maioritario da representación política.

Polo tanto, conducidos por un goberno en funcións, carentes de autonomía financeira, perdido o dereito a decidir e cun Estado que mais que unha solución resulta ser un problema; sumado a iso o afianzamento do modelo neoliberal onde prevalece a protección dos capitais nacionais e estranxeiros en detrimento do dereito ao traballo, nese contexto enrarecido, é indubidable que por mais medidas lexislativas que se formulen en materia laboral por mais mensaxes propagandísticas que se emitan, cada día que transcorra con este lastre ás costas, a creación e estabilidade no emprego mais que unha posibilidade se antolla unha quimera, salvo que a maioría social aposte pola erradicación do neoliberalismo a través da substitución política e a derrota dos mercados  especulativos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario