PUBLICADO 12/01/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Os catro inquilinos con estadía na Moncloa desde 1983 até hoxe en día, como asemade as formacións políticas do PP e PSOE, mutuamente, son culpables do declive que afonda á factoría Astano.
Entramos ao sexto ano de recesión, período crítico
que na ferrolá ría dos estaleiros
tórnase nun máis difícil ao chover sobre mollado, pois desde o inicio da reconversión do sector naval, o que fose principal motor industrial da comarca cumpre
trinta anos sometido a unha diminución permanente da actividade económica que historicamente foi sostén de progreso e
desenvolvemento. Agora, mentres 20.465 parados agardan inutilmente unha
resposta ás súas demandas de emprego, o
emblemático pórtico de Astano, signo do apoxeo do estaleiro,
converteuse nun tótem estático,
unha inútil mole de dúas patas
como réplica dual do degradante papel do bipartidismo político, principal culpable de manter ociosa esta planta naval
en tanto o desemprego rompe o teito do
verosímil.
Faise obrigado lembrar
que o despropósito desátase en 1983, cando por peaxe de entrada, a UE esixe a España reducir a capacidade de construción naval e o goberno
socialista de González, resolve tal esixencia á conta de sacrificar
Astano, e así por interesada discriminación, o mellor e mais competitivo
estaleiro do país queda excluído do mercado civil, limitando a súa actividade ao
mercado off-shore, restrición establecida á temporalidade límite do fin
de ano do 2007.
Dicir, que aquela decisión de castigo supuxo o
primeiro recorte da masa laboral da factoría, minguando o seu persoal operativo de sete mil a dous
mil traballadores. Primeiro trancazo asestado coa conivencia dos
dirixentes locais, sendo o
proceso de fixación de excedentes un
repugnante episodio onde o nepotismo
político e sindical xa destapaba
notorios síntomas de complicidade.
Chegada a etapa Aznar, o tratamento aplicado á
factoría de Fene no que a marxinación se
refire, non difire do seu antecesor socialista, pois foron os populares quen
despois de asumir compromiso coa UE vinculándose a pechar toda liña de axudas estatais aos
estaleiros públicos, incumpriron aquel acordo facendo todo o contrario, maquillando as axudas
a través dunha torpe operación de fusións e absorcións sectoriais que
supuñan unha infracción do pactado. Tal
quebranto propiciou a incoación
de senllas investigacións cuxa
resolución recaeu no 2004 cando a
UE resolve como ilegais as axudar concedidas, das cales,
paradoxalmente, Astano non percibira contía algunha.
Aquela neglixencia,
reflexo acorde do
facer político do PP, era unha
nova oportunidade que abría a porta aos intereses doutros territorios,
dispostos a proseguir co seu empeño en liquidar toda actividade fabril
da mais valiosa factoría naval do país.
De novo por
alternancia electoral, é o socialista
Zapatero quen previo acordo cos sindicatos estatais, pacta con Bruxelas a non devolución das axudas outorgadas polo
seu predecesor popular, a cambio,
da disgregación do anterior grupo
naval e a súa conversión na actual
Navantía, cuxa actividade quedaba
restrinxida á construción de buques
militares. No devandito pacto explicitamente prohíbeselle a Astano toda construción civil, non podendo
sequera acollerse ao 20
por cento da cota outorgada a Navantia, engadindo como colofón a prórroga do veto que do ano 2007 amplíase até o 2015.
Aquelas medidas
trouxeron consigo, ademais dunha
nova diminución de emprego, a redución
á mínima expresión da súa potencialidade como estaleiro, e mentres
isto ocorría, os sindicalistas coautores,
celebraban con xúbilo o premio
dunhas prexubilacións de luxo que
pechaba a porta ao futuro, sendo aquel presidente quen atrancaba aínda mais
todo rexurdimento ao incumprir o seu deber de impulsar o levantamento do veto
que comprometera en sede parlamentaria.
Nese baile de sucesión política, a finais do 2011 é de novo o PP liderado por Rajoy quen toma o
mando do executivo, despois de ter
asumido electoralmente o que o seu ascendente socialista negase acometer; comprometendo non só a deixar sen efecto as
limitacións do veto, senón que ampliaba a súa oferta ao envorcar apoio
incondicional á construción dun dique flotante, artefacto estratéxico para reforzar a oferta de contratación da factoría.
Transcorrido un ano de mandato con maioría absoluta e o referendo
dun reelixido Feijóo, o certo é, que o resultado dun novo incumprimento pasou de mera presunción a unha rotunda
evidencia, cuxa finalidade á marxe das aparencias, non é outra, que acentuar a
inviabilidade a toda posibilidade de recuperación e así concluír o proceso de liquidación iniciado
trinta anos atrás.
Este corolario
de tres décadas cumpre o único
propósito de correr o veo e
destapar dunha vez por todas o xogo de barullo que manteñen o PSOE e o PP, e cuxa estratexia consiste en utilizar
a mudanza política como variable de opinión, en función ao papel
de goberno ou oposición. Basta manobra
duns insolventes que sen resultado algún
dedícanse a enredar desde Madrid
o futuro dun estaleiro cuxa continuidade, como todo en España, depende en exclusiva das decisións de Berlín. Xa que logo, Astano ha
seguir a ser un macabro himno ao
desemprego...!
No hay comentarios:
Publicar un comentario