10 feb 2012

ELES, OS POLÍTICOS

PUBLICADO 11/02/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario 


Se os mercados son os axitadores da inestabilidade económica, a clase políticas coas súas  infectas actitudes, son os responsables únicos  de obstaculizar    a saída da crise.

Téñennos tomada a medida, e  xogan á seu antollo  coa inxenua  credulidade que temos depositada neles, por iso,  cando a través da súa astuta sedución alcanzan o prezado trofeo do voto , entón, nunha metamorfose  de vertixe, sen tan sequera gardar  as formas,  coma un  pombo ladrón,  cambian o talante  suxestivo de quen precisa  respaldos  pola   arrogancia  inversa de quen impón o seu cargo, e así, a humildade transfórmana en soberbia  mentres tiran a vergoña ao colector dos desperdicios.
   
Estes protagonistas  do tres ao cuarto, vividores por conta allea, a diario,  circulan a toda  velocidade  a bordo dunha credencial con sinal  institucional, alimentando as súas ambicións  que non son poucas, coa rendible ladaíña de defender os valores  democráticos. Tapadeira, blindada  a través dunha alianza de intereses que aglutina sen fracturas, á totalidade de siglas militantes, pois da  suculenta  sopa boba, tanto comen conservadores  como progresistas, nacionalistas ou republicanos; socorrida coincidencia, por canto, os estómagos  e as contas correntes non teñen ideoloxía.

Tráelles sen coidado o parecer da  opinión pública, e por iso, esta prole campa ás súas anchas sen inmutarse, cando os cidadáns,  fartos dos seus privilexios, maniféstanlles a súa crecente decepción, anulando o seu  referente como solución  para converterlles no  terceiro problema do país despois do paro e a crise  económica.

 Sen dúbida, para manter o seu status de influencia, a esta tropa tan  só preocúpalles prorrogar sine die  a súa continuidade no gremio,   aínda que para iso, teñan  que desencadear unha depresión endogámica que impida  a incorporación de membros de substitución, e estes métodos, pon de manifesto que a inmensa  maioría  da clase  política, ademais de non ter capacidade para afrontar os grandes retos  do país, tampouco teñen profesión  nin futuro fora do mundo político, é dicir, o noso porvir está conducido por uns  individuos  desconectados da sociedade civil, sen traxectoria profesional que lles avale, o que significa ter o  destino  en mans de insolventes.

Pero para maior complexidade,  entre manobras e descréditos, utilizaron  a democracia para infectar a natureza dos seus obxectivos,  admitindo  que  os  privilexios fosen  adheridos ao cargo e revestidos de ética pública,  e así, adxudicaron  rango de normalidade  aos seus desorbitados soldos e as abusivas dietas,  mantiveron inalterable o agravio entre cotización e monto de pensións, etc., etc. Pero o verdadeiramente escandaloso é que estas prerrogativas non teñen xustificación de respaldo  a tenor dos deficientes resultados da súa función política.

A estes indolentes representantes, e á súa cuadrilla de cómplices por designación,     a crise pásalles de raspallón, pois a súa estabilidade non se ve afectada no máis mínimo.  Eles, non notan nas súas carnes  os demoledores efectos, non se lles acaba a prestación por desemprego, nin lles periga o posto de traballo, e moito menos veranse  afectados polo desafiuzamento da súa vivenda,  e mentres eses avatares fan extensiva a súa afección ameazando cunha quebra social sen precedentes, eles, que foron copartícipes responsables do estalido da crise, agora, non só evaden responsabilidades dos seus actos, senón que nun exercicio  de vergoñosa servidume sitúanse descaradamente a favor dos especuladores  que motivaron o desastre.

Por máis maquillaxe que se poñan para camuflar a súa obscena conduta, a maioría social do país, nunha reveladora enquisa sociolóxica, sentenza, que España está a ser desmantelada pola súa propia  clase política, a quen definen como, inútil, degradada e incompetente de remate ; afirmando que os  gobernantes son os directos responsables do paro, da situación económica , da súa propia deterioración, unido á corrupción e á fraude, e todo iso como consecuencia, entre outras razóns, dunha deficiente xestión  e un malgaste exorbitante.

Non estamos ante unha opinión illada, pois, é a  cidadanía quen falou manifestando de forma contundente  o seu rexeitamento á  recorrente  fórmula   de externalizar  as orixes da crise para encubrir os propios desatinos,  e coa súa opinión, ademais de desautorizar o actuado, están a esixir a rexeneración democrática como obrigado  punto de arranque para afrontar  de forma  solvente  o gran desafío de reconducir  ao país pola senda da estabilidade e o progreso.

Mentres esa premisa non se cumpra, resulta unha obviedade  que non se darán as condicións de estabilidade necesarias para a reactivación, pois o lastre da clase política, fará que as medidas tomadas convértanse   nun brinde ao sol.






No hay comentarios:

Publicar un comentario