27 sept 2010

PLANEAMENTO URBANÍSTICO



A actual crise que estamos vivindo aparte da confusión económica que induce, crea un panorama de insolvencias á hora de establecer directivas e previsións de futuro e esta circunstancia ha terse especialmente en consideración á hora de redactar os plans xerais de ordenación municipal que na actualidade atópanse en proceso de elaboración ou revisión, pois suposto contrario, correrase o risco de aventurar unhas expectativas do planeamento urbanístico dispares e afastadas das previsións de crecemento efectivo, ou o que é igual, se estará consumando un documento de planeamento de ineficaz viabilidade, xa que logo, o actual panorama presupón un risco evidente e desaconsella a tentación de aplicar obxectivos optimistas.

O urbanismo sostenible fundamentado no contido do Informe Brundtland promove un criterio de racionalidade territorial solidaria e plausible, pero nun escenario de recesión como o presente, sen cuestionar o seu enfoque, dicir, que falla a súa perspectiva holística, tendo en conta que dous dos seus tres aspectos conceptuais como son (benestar social e a bonanza económica) comparten un escenario pouco halagüeño e nada conveniente para exercicios de compaxinación.

A redacción ou revisión dun planeamento urbanístico mais que un exercicio de compromiso electoral dos gobernos locais, ha estar debidamente xustificado e motivado, é dicir, obrigatoriamente meditado, pois sería anacrónico afrontar unha planificación urbanística sen argumentos que o protexesen, salvo que se teña o empeño en promover revanchismos políticos ou aplicar conductas irresponsables nas que se impoña a "razón institucional" á sociedade. 


O rigor e eficacia de e un plan xeral radica na solvencia do seu contido e en garantir a súa posibilidade de xestión acorde cá establecida temporalidade e os medios previstos no seu estudio económico financeiro. A momento presente, dicir, que o conxunto xeral dos concellos desta comarca, que dispoñen de planeamento xenuíno, teñen incumprido o seu plan de etapas e por iso, dentro dun marco de incerteza como o actual, calquera planificación correctora de erros anteriores, presupón aventurar previsións sobre futuro mais que aleatorio.


Pero podese ser mais preciso e asumir un feito certo, tal é a existencia de parámetros socioeconómicos devalados que alteran o contido das previsións dos planeamentos vixentes, e efectivamente, esta é unha evidencia incuestionable pero non un argumento recomendable, tendo en conta que de ampararnos nesta certeza estariamos asumindo que no seu contido existen previsións desaforadas que por disciplina legal, sería de obrigada corrección e isto polo menos é o fundamento polo que a consellería de política territorial devolveu durante a lexislatura 18 plans xerais de ordenación municipal aos seus concellos de orixe.


En épocas de bonanza económica a tendencia do planeamento é a de habilitar áreas de novos crecementos que posibiliten o desenvolvemento urbanístico, contrariamente a entrada en escena da crise, como é o caso, frea as previsións de novos ensanches, e se circunscribe a consolidar o existente.

Pois ben en atención a esta obviedade, calquera revisión tería que desinflar as súas previsións de desenvolvemento a base de reducir solo urbano non consolidado e solo urbanizable delimitado  coa conseguinte posta en perdida da súa condición catastral e a merma inducida para as arcas municipais.

En resumo, non corren bos tempos para case nada, pero moito menos para establecelas determinacións xerais de planeamento urbanístico, pois o labirinto da nosa situación economía entra en colisión directa cos índices de sostenibilidade que deben presidir desde a  orixe os traballos de redacción dun novo plan ou súa revisión, para poder superar con éxito o test de legalidade que a Xunta de Galicia impón á súa aprobación definitiva sobre o cumprimento de límítes de crecemento e desenvolvemento. A situación aconsella un aprazamento e entre tanto sortear as deficiencias dos actuais plans a través da tramitación correctora de modificacións puntuais, pois o que onte non se fixo hoxe xa non corre présa.


 O que con todo é recomendable e urxente é a adecuación á lexislación autonómica en vigor para erradicar ambigüedad interpretativa e fortalecer o seu carácter normativo, e así, dunha vez por todas evitar dualidades funcionariales interpretativas que prorrogan as resolucións de expediente urbanísticos mais alá do que o procedemento administrativo tolera, do que os gobernos municipais deberan  autorizar e que con resignación os administrados veñen de soportar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario