25 sept. 2010

PERLÍO: MAIS QUE O CRUCEIRO UNHA VÍA CRUCIS




Para vivir  en Fene  hai que armarse de paciencia, pois a incapacidade adestrada do seu goberno municipal  fai que todo o público leve o sinal do “sine die”, pero se ademais de fenense  un é residente  de O Cruceiro de Perlío entón amais  de aguante  estoicamente co seu confinamento ten de fornecerse de resignación e ver como finaliza unha nova lexislatura e seguen sen dispor dunha  comunicación peonil segura  co resto da  parroquia.

Parece que a autoridade do Alcalde da localidade e a súa veciñanza nesa contorna, non pesa o suficiente para que o seu colega de partido político e Ministro de Fomento, responsable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o lucense José Blanco, deixe de marear a perdiz e dunha vez por todas promova a execución desta infraestrutura cuxa xustificación é acreditadamente perentoria.

Dadas as características do actual paso a nivel, ademais do factor de alto risco  que induce o seu servizo, representa  unha  humillación para os usuarios por canto tal acceso non difire  en nada  dun camiño de cabras, degradante e perigoso, co agravante que  a alta frecuencia de transeúntes polo devandito atallo, acentúa as posibilidades que en calquera momento xurda unha desgraza irreparable.

A máis da poboación residente cabe referir, que na zona existen dous equipamentos altamente frecuentados (Centro Social da Terceira Idade, e Igrexa Parroquial de Perlío), que son punto de encontro de infinidade  de anciáns e de asistentes a culto relixioso que maiormente toman ao seu destino  por ese acceso do inferno, pero en contraposición, esta o feito de que os equipamentos docentes atópanse á  banda oposta, sendo que os nenos do lugar han de utilizar diariamente idéntica encrucillada. Tal circunstancia supón un agravante por canto iso confirma que nunha curva ferroviaria sen visibilidade algunha, á parte dos adultos,  cruzan a vía férrea, nenos e persoas maiores con mobilidade locomotora   limitada por razóns de idade.

Probada e xustificada  pois a urxencia da actuación, o que os veciños afectados non deben ignorar é que a súa singular  “vía crucis”  ten un calvario de emprazamento temporal inédito, e no seu peregrinar coa cruz do problema ao lombo non son azoutados  nin burlados por uns soldados romanos, senón por unha banda dos concelleiros  da súa vila.

Tal afirmación  vén referendada  pola acta do pleno da sesión do 8 de Xaneiro do 2009, onde o PP da localidade, facéndose sensible co escrito asinado por centos de veciños  someteu á  aprobación do pleno, unha Moción na que  demandaba un pronunciamento no sentido de instar a intervención urxente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para a execución desta infraestrutura de comunicación.


O curioso desta iniciativa que en boa lóxica debese contar co apoio unánime da totalidade dos  representantes corporativos, é que tan só dispuxo  do aval do PP como promotor e a adhesión de Esquerda Unida (EU), mentres que o propio Alcalde e o seu grupo (PSOE) como a formación nacionalista (BNG), situáronse en contra de tal iniciativa e por extensión en contra da reivindicación veciñal, iso se, aducindo cada un o disparate correspondente, os socialista fundamentáronse no oportunismo da súa presentación e os nacionalista como sempre na “táctica da estratexia”

Pero cando imos para dous anos daquel desconcertante pleno, e  o estado da situación mantense, é evidente que   as formacións políticas  que rexeitaron o seu contido son as únicas responsables de que a situación continúe sen resolverse.

Non obstante, os concelleiros implicados ademais  de insuficientes xestores son uns completos irresponsables, toda vez que parecen descoñecer que a  demora na  execución xera de facto a mantenza   dunha ilegalidade urbanística,  por canto o valado imposto polo organismo ferroviario ao promotor das vivendas anexas ao paso, non admite a ruptura da súa continuidade, e iso ocasiona que  se actualmente producírase unha desgraza,  a (ADIF) eximiríase de toda responsabilidade, que recaería directamente  no  promotor e por derivación penal no  propio alcalde por recibir a rúa  sen esixir o cumprimento da legalidade. Claro que o peor parado sempre sería a vítima e por riba a súa familia.


En resumo, se os responsables do goberno municipal non están á altura das circunstancias e non demostran a capacidade suficiente para cumprir os compromisos contraídos, é obvio, que  os afectados haberán de tomar actitudes contundentes, pois a paciencia tamén ten un  limite, máxime cando á súa demanda sóbranlle fundamentos, pois non é de recibo que dia se e día tamén uns veciños do municipio poñan en risco  as súas vidas pola neglixencia dos seus representantes.

A única réplica admisible que de feito satisfaríame, é a publicación no Boletín Oficial do Estado do anuncio do concurso de licitación das obras; pois  tentar convencerme con diatribas,  sería igual que lavarlle a cabeza a un burro que é o mesmo que  perder o xabón e o tempo.




No hay comentarios:

Publicar un comentario