Resulta aberrante que tras cometer un acto ilícito, o Concello de Fene lonxe de restablecer a orde xurídica, reaccione contra os prexudicados pola transgresión, utilizando o subterfuxio do silencio administrativo como tapadeira, coa malsá intención de consolidar a infracción e evadir así a súa responsabilidade civil.
A democracia con maiúsculas é unha democracia sen segredos, que obviamente ten de estar fundamentada na transparencia, sendo o seu principal obxectivo garantir que a totalidade dos cidadáns sexan os auténticos propietarios da información pública, se ben para acadar esta finalidade o labor executivo debe estar sustentado por persoas de probada convicción democrática, que sendo defensoras resoltamente da liberdade de información teñan asumido como paso fundamental erradicar dunha vez por sempre o mal institucional do silencio administrativo como norma de conduta, de modo que os cidadáns síntanse representados e poidan confiar sen receo nas institucións ás que eles mesmos coa súa soberanía outorgáronlle o poder.
Pero a realidade pon de manifesto que queda moito por andar, pois cando son os propios partidos os que negan someterse a transparencia, dificilmente os políticos adscritos ás súas filas poderán asumir que o seu debe ser un compromiso ineludible coa democracia e a cidadanía, mostra desa deficiencia temos por expresivo referente a administración local, que a pesar da súa teórica proximidade ao cidadán bate o record do silencio administrativo en todo o ámbito institucional, ata o punto que un 83% de solicitudes de información cursadas a entidades locais non recibiron resposta ningunha no transcurso do ano 2020.
Un problema que en boa lóxica esixiría un acordo de avinza de todas as forzas políticas para crear instrumentos de escrutinio público cos que poñer remedio á situación, pero que paradoxalmente ten por toda resposta o escurantismo burocrático, xa sexa dando continuidade ao silencio ou utilizando a evasión.
Aínda cando a obrigación de resolver e notificar os procedementos administrativos dentro dun prazo máximo é unha garantía que os cidadáns teñen conferida nas súas relacións coas Administracións públicas, lonxe de manter observancia con esta disciplina legal, por norma xeral, as Administracións refúxianse no silencio administrativo, abrindo así a vía das impugnacións e dos recursos que xeran incerteza e inseguridade xurídica ao administrado, por carencia de resolución expresa á que acollerse
De ahí que o silencio administrativo seguirá a ser polo tanto a "benquerida" das administracións locais, ao posibilitarlles "resolver "calquera expediente molesto dando a calada por resposta, unha práctica que aínda sendo reflexo de opacidade, contra toda lóxica, mantívose vixente na mal chamada Lei de Transparencia,e co paso do tempo segue a ser así aínda cando en boa praxe democrática a denegación de información e o ocultismo debesen ser a excepción, pero nunca a regra.
Téndose de engadir que tal situación anula ademais os requisitos necesarios para combater os excesos políticos, sendo por iso que a impunidade política debe entenderse como a consecuencia directa do silencio administrativo e a causa promotora da inestabilidade democrática, pois ao silenciar a comisión dos delitos estase a amparar a representantes non desexables, e tal circunstancia, presupón a culminación sen paliativos dun proceso de involución.
A realidade cotiá demostra, que cada día son mais os cidadáns que na súa relación coa Administración reciben a “calada por resposta”, sen que os políticos relacionados cos asuntos expostos polos administrados asuman a súa obrigación de tomar as medidas oportunas para sortear todo obstáculo que paralice, entorpeza ou atrase o exercicio pleno dos dereitos do administrado.
Actitude de quen actúa á lixeira parecendo facer caso omiso da existencia de doutrina e xurisprudencia que reviste a inactividade da Administración de ilegalidade; extremo que de ser probado posibilitaría a apertura á vía do resarcimento, pois cando o silencio administrativo é utilizado como coartada para resolver os expedientes molestos, os causantes da demora na adopción da resolución serán responsables directos, e por iso, poderán verse envoltos nun proceso de demanda por danos e prexuízos que co seu desinteresado proceder puidesen producir.
Os causantes de que as institucións sexan incapaces de dar resposta adecuada aos problemas expostos pola cidadanía son os representantes políticos, pois nun réxime democrático debe estar claro que a Administración está subordinada á política, e que por tanto compete ao Executivo resultante dirixir a acción administrativa e abortar toda práctica contraposta á disciplina legal,é dicir, xusto o contrario do que vén facendo o BNG no Concello de Fene.
No hay comentarios:
Publicar un comentario