13 mar 2015

RAJOY E TRES MILLÓNS DE EMPREGOS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Cando os defensores da austeridade como Rajoy,  eríxense en redentores da creación de emprego, coa carga de cinismo que leva consigo tal proceder, poñen de manifesto, non só ter perdido toda ética política senón tamén a propia dignidade.

Mentres o Partido Popular do Presidente Rajoy chama crear emprego ao feito de repartir miseria, os auténticos promotores de tal finalidade, é dicir os autónomos e os xestores das Pemes, como consecuencia dos efectos da crise e especialmente da repercusión inducida polas incoherentes políticas de austeridade do actual Executivo, ou ben  víronse abocados á vía do concurso de acredores, ou no seu defecto remataron arruinados de por vida sen alternativa nin solución, como refire o feito que máis de 303.000 pequenas e medianas empresas e 302.116 traballadores autónomos tivesen que pechar as súas portas dende o inicio da crise; cesamento de actividade que ademais dos seus males intrínsecos provocou unha mingua na dimensión do tecido produtivo, cuxa repercusión agravou aínda mais o degradado mercado laboral e impediu en maior medida a reactivación e creación de emprego.

De aí a nula credibilidade que ten de adxudicárselle ao presidente do Goberno cando sen renunciar ás políticas de austeridade, en plena "cicloxénese electoral", en foro parlamentario márcase como obxectivo a creación de tres millóns de empregos para a próxima lexislatura, por ser tal proclamación unha promesa apócrifa, realizada ao só obxecto de pescar votos no caladoiro dunha maioría electoral que ten no desemprego a súa principal preocupación.

Estratexia aplicada con premeditada finalidade, sen caer na conta que difícil acollida pode ter o discurso de mentiras, de quen, interesadamente intenta esconder que dende a súa chegada ao poder, co mantemento de idénticas políticas o paro non fixo mais que crecer, como evidencia o balance da realidade estatística, que en decembro de 2011 estampaba  un saldo de 17,1 millóns de afiliados á Seguridade Social e cuxo último dato a febreiro de 2015 reducía esa contía ata os 16,5 millóns, diferenza, que ademais de resultar unha expresión da inviabilidade da súa proposición, é mostra do pouco fiable facer político de quen empéñase en prorrogar a súa arraigada pretensión de enganar á cidadanía.

Por iso, se ata agora a recuperación económica era a gran falacia do PP, coa saída a escena de Rajoy anunciando tan cuantiosa creación de empregos, o grupo conservador entra no antagonismo político de enfrontarse ás súas contradicións ao ser o propio Goberno, quen, contravindo o antedito recoñecía con anterioridade que no mellor casos manteríase o índice do 15% de desemprego estrutural.

Pero á marxe de disquisicións, o certo é que tras ese difundido anuncio agóchase unha atribución clandestina, pois salvo na esfera pública, non é función nin deste goberno nin de ningún outro afrontar como propia a creación de emprego, senón, habilitar as políticas oportunas que xeren as condicións de confianza apropiadas, para que así, dende unha situación de afianzamento as empresas e empresarios poidan promover con éxito a produción de riqueza e impulsar a creación de emprego.

Un marco de confianza que en modo ningún se logrará mentres manteñan vixencia as actuais políticas do Executivo de Rajoy, toda vez que por consecuencia lóxica, cando a austeridade roza a neurose é imposible que funcione nin que poida funcionar ao exercer como lousa do crecemento, e cuxos efectos, destrúen os alicerces  da estrutura produtiva e do tecido empresarial, impedindo así aplicar en serio políticas directas de recuperación e creación de emprego, e iso é así, por mais que a axitación mediática afecta ao Goberno, en pleno maremágnum electoral intente camuflar esa realidade, ocultando, que non haberá solución cabal para satisfacer a demanda do mercado laboral en tanto prevalezan no primeiro plano as contraproducentes políticas de austeridade.

Ante esa tesitura, ao colectivo empresarial afectado nos seus intereses e á cidadanía detraída dos seus dereitos, en consecuencia, non lles queda outra que resolver a disxuntiva pola vía electoral, optando nos próximos comicios por outorgar a confianza nas urnas aos representantes da maioría progresista, para así poder derrogar a actual adscrición do país ao neoliberalismo económico e ter a posibilidade de darlle un xiro á situación política coa instauración de medidas de crecemento que fagan posible a diversificación empresarial, a consolidación da estrutura produtiva, e con iso a xeración de emprego estable, ao igual que a restitución dos bens e dereitos públicos indebidamente subtraídos.

Pois suposto contrario, de non o remediar, seremos responsables que durante outros catro anos os directos culpables políticos e as involucradas elites económicas, sigan conducíndonos polos seus foros cara a un austericidio que ademais de manter ao país en permanente estado de deterioración seguirá provocando  na súa estrutura o pernicioso impacto do seu efecto desolador.

No hay comentarios:

Publicar un comentario