4 abr 2014

POÑAMOS QUE FALO DE FERROL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia



Cando politicamente se engana a un pobo durante tres longas décadas e este sostén electoralmente a quen lle mente, non é maltrato social o que sofre senón un desafiuzamento emocional permitido; unha situación anacrónica que por dignidade esixe un irremediable cambio de conduta.

Toda rebeldía ten na súa orixe un factor causante, por iso, cando os últimos trinta anos da historia dunha comunidade se teñan de narrar outorgando especial protagonismo á pancarta e á manifestación, non é ao colectivo dos inconformistas a quen debe adxudicárselles a proxenitura da conflitividade, pois en toda convulsión, a verdadeira autoría debe atribuírselle en exclusiva, a quen, ostentando o poder e obrigados polo tanto a tomar cartas no asunto, por falta de proxección política e negativa a traballar na dirección debida, en vez de articular solucións, optan por inhibirse do problema que desencadea a incitación ao conflito, suscitando con iso que a secuencia da axitación social siga a persistir no tempo.

Conste que non estou a referirme a un suposto alegórico, pois o dito, mais que figurado é a plasmación efectiva dunha realidade concreta, dunha situación precisa que se produce no contexto dun escenario xeográfico determinado, cuxa localización marxinal ao bordo da periferia do Estado, é a reprodución dun suburbio social onde se impón o liderado dos mediocres e a política é exercida por uns monicrequeiros que antes de perder o seu crédito xa extraviaran todo control sobre o manexo do fío transmisor.

Estamos a falar do emprazamento dos estaleiros subvertidos, da bisbarra das reconversións ficticias, de polígonos industriais tapizados de maleza, do lugar onde a taxa de paro supera á de ocupación, dun contorno que se desertiza pola permanente sangría de poboación; obviamente todo isto e mais, define a adversa singularidade do marco territorial de referencia, que por pura lóxica espacial non pode ser outro que Ferrol e a súa contorna.

Xa situados neste ámbito espacial, toca cantar verdades e recordar que o factor causante da desfeita da súa principal actividade produtiva tivo a súa orixe trinta anos atrás, de aí que intentar a estas alturas camuflar a complexidade socio económica de Ferrolterra no contexto da crise xeral, é pretender eliminar páxinas da historia para inverter a realidade; e iso, co perverso obxectivo de intentar despistar a implicación política na comisión dos feitos que levaron ao motor da industria local a unha crise funcional, que transixidamente a través do tempo e deseñadas turbulencias sistémicas fixeron agravar ata derivar na actual situación de colapso que apesta a fase terminal.

Todo indica que estamos ante o conato dunha terceira reconversión naval, iso polo menos son os sinais que se deducen do adelgazamento da carteira de contratación dos estaleiros, como a incógnita engadida sobre o quefacer do día despois á extinción do segundo veto do sector; incerteza, que mais que ter resposta crible, vai acompañada de evasivas políticas en versión interposta utilizada indistintamente polo PP e o PSOE, que como artífices do desastre, intercambian o seu papel atendendo ao xogo inverso que lles demanda o feito variable de exercer como goberno ou intervir de opositor.

En todo caso un referente de ambigüidade, que pon de manifesto a escasa fiabilidade que tras trinta anos de inutilidade, deben merecer os membros deste duopolio político para representar e loitar polos intereses cidadáns desta bisbarra no marco da Unión.

Polo tanto, hase de afirmar que a precaria situación que vive a tempo presente o sector naval da bisbarra, mais que vir dada por condicións de mercado ou competencia, é causa reflexa do escaso peso político dos que ante Europa en cómplice e repulsiva conxunción, reiteradamente, durante cinco lexislaturas dende a nosa adhesión, asumiron a restricións e limitacións impostas á cota de tonelaxe asignada ao noso sector naval, claudicando así ás interesadas esixencias doutros estados membro.

E é por iso que agora, cando entramos en véspera electoral sexa obrigado revisar condutas para decantarse polo correcto, e nada mais apropiado que comezar por discriminar actitudes pretéritas para así osixenar a dinámica democrática apostando por candidatos idóneos, 'por homes e mulleres con carga de honestidade probada que lonxe de incumprir as súas promesas ao día seguinte das eleccións, se manteñan firmes na defensa e continuidade da nosa Industria de Síntese, no contexto dun marco de compromiso, reciprocidade, transparencia e lealdade.

En razón aos feitos, xa deberamos estar de volta e saber que non se gañan as eleccións o día da votación senón no facer do día a día, e que as campañas electorais só valen para promover o que nunca se chega a cumprir, de aí que o 25 de maio, polo futuro desta bisbarra esteamos obrigados a plantar ruptura co pasado, cos que por todo resultado achegan unha enciclopedia de trinta anos de engano e tres décadas de incorrección.

No hay comentarios:

Publicar un comentario