18 abr 2014

ASTANO: CON VETO NON HAI VOTO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia



Nestas Eleccións Europeas, ante a evidencia dos feitos, nin eles son quen para pedirnos o voto, nin en consecuencia , nós temos a mínima obriga de outorgarllo.


Agora, cando a corneta dos comicios interpreta a consabida marcha electoral para disciplinar vontades, en terras de Ferrol,  mais que desfilar marcando o paso, ese "show da corneta" ten de poñernos en garda sobre aqueles que  electoralmente intentan repetir un novo engano de representación, despois de levar tres longas décadas obstaculizando a actividade produtiva do que fora o principal referente industrial da bisbarra, dun sector naval ao que entre a indefensión e o entreguismo, uns - eurodeputados de cartón pedra - conducírono a unha situación extrema próxima ao bordo da súa extinción.

Así pois facendo historia en vésperas de sufraxio, cabe recordar que a resolución pola que se adoptou o proceso de reconversión do sector, tivo as súas orixes tanto na crise da construción naval, iniciada na década dos 70 do pasado século, coma na negociación na que estaba inmersa España cara á súa plena integración na Unión Europea.

Deste xeito, ás condicións de mercado sumáronse os intereses por regular o sector da construción naval comunitaria, cuns reaxustes que, como se sabe, tiveron como principal vítima propiciatoria, á antiga Astano; pero en todo este proceso prevaleceu en cuberto o obxectivo de favorecer os intereses de países con maior "peso" na Unión en detrimento das cotas de produción que en boa lóxica debesen corresponder ao Estado Español.

Esta situación, e o feito de supeditar xa dende principios dos 80, o futuro do estaleiro de Fene aos intereses doutros territorios, conduciu a esta factoría a iniciar un proceso de lento pero constante declive que se materializou de forma dramática na desaparición de man de obra directa, nunca amortizada malia as continuas promesas, e que tamén tivo importantes repercusións na industria auxiliar.



A falta dunha planificación estatal coordinada, acompañada do deseño de políticas paliativas que limitasen o alcance da crise, e o elevado grao de improvisación que tivo as súas causas na necesidade de converxer no espazo europeo a un custo desorbitado, foron aspecto que engadidos ao interese dos países máis importantes da UE por afianzar a súa posición no sector naval fixo restrinxir toda posibilidade de recuperación do que era sen dúbida o principal estaleiro europeo.


Ao compoñente europeo haberase de sumar, sen dúbida, o español propiamente dito. Cunha estrutura de construción naval que incluía as tres costas españolas e afectaba a catro comunidades autónomas, Galicia, Asturias, País Vasco e Andalucía, sendo un dos principais problemas que se suscitou ante os requirimentos europeos de redución da tonelaxe en construción, o feito de reestruturar un sistema cunha forte e histórica implantación que ía pasar un alto custo segundo as rexións, pero que tamén supuxo a aplicación de elementos de discriminación, dependentes en maior medida da busca do "equilibrio" interterritorial que de cuestións racionalmente organizativas e económicas.

É dicir, primaron os intereses políticos sobre os económicos.

Primeiro, os europeos, conscientes da forte competencia que representaban os estaleiros españois e moi particularmente o de Fene.

Segundo, os españois, motivados na súa maior parte pola necesidade de "resolver" a negociación con Europa e entrar nela tras o longo esforzo de cohesión ao que xa se estaba a ver sometido o conxunto do país.

E terceiro, e isto adquire se cadra  maior grao de responsabilidade no plano político, polo relativo papel que cada comunidade autónoma afectada xogou neste proceso transcendental que mais que atender a cuestións técnicas estivo influído polo poder político segundo o ámbito xeográfico de interese e a situación dos estaleiros.

Polo tanto débese afirmar que foi a improvisación e a falta de executividade da representación política quen conxuntamente contribuíron ao desastre socioeconómico  e  laboral que actualmente padece a bisbarra de Ferrol.

Sendo en consecuencia que as sucesivas ampliacións da directiva comunitaria sobre restrición de mercados marcase a pauta da antiga Astano durante os últimos anos, facendo que a importante bagaxe acumulada pola factoría fenesa ao longo da súa historia correse o risco de perderse en materia de desenvolvemento e nova construción, limitando deste modo a capacidade de oferta non só deste estaleiro, senón tamén do conxunto do grupo público.

Por iso, os que como o PP e PSOE, a pesar de contar coa representación política dabondo para evitalo, optaron a nivel de Estado pola marxinación comarcal, e en vez de forzar en Europa un xiro á situación que facilitara o levantamento sobre restricións de acceso ao mercado naval convencional, fixeron caso omiso da situación.
De aí que agora nestas Eleccións Europeas, ante a evidencia dos feitos, nin eles son quen para pedirnos o voto, nin en consecuencia , nós temos a mínima obriga de outorgarllo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario