PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Uns presupostos que levan imprimido a marcación da economía especulativa na súa portada e a letra dos mercados financeiros e a banca na súa redacción, ao igual que estimulan as políticas de austeridade, tamén prorrogan a recesión
Lonxe de tratarse dunha diminución pasaxeira da actividade económica, neste país, a recesión eternízase co paso do tempo, e todo, como consecuencia do seu carácter consubstancial coa defensa que o actual Executivo do PP mantén en relación ás políticas de austeridade, engadindo a iso, a complicidade de facer seus os intereses particulares dos mercados financeiros e a banca, obxectivos, que a pesar da súa perniciosa influencia, son maquillados co enganoso afán de outorgarlles condición de aparente utilidade para a reactivación económica, así como, excelencias repercutidas para suposta vantaxe do interese xeral do país.
Falsificadas e inconsistentes calidades, pois se evidente foi o papel da banca e os mercados financeiros como principais causantes da crise, non é menos certo, que a estrita austeridade non fixo mais que acrecentar a súa dimensión ao impedir toda probabilidade de reactivación e crecemento.
De aí que, ante a prevalencia de tan enganadores propósitos, só caiba cualificar como parodia as afirmacións de acompañamento realizadas por destacados membros do Goberno, cando, sen reparo nin continencia, a viva voz, manifestan que os Presupostos Xerais do Estado - (PGE / 2014), marcan o fin da recesión, o arranque da reactivación económica e a demostración que as políticas do goberno están a dar os seus froitos.
Excesivo disparate para un só titular, e ademais, mostra evidente que non só sufrimos unha crise económica, senón que, tamén padecemos unha crise dirixente, a protagonizada por uns confabulados políticos, que faltos de todo remedio, proseguen agora coa frívola obsesión de inverter con falsidades a realidade dunha complexa situación.
Sumidos no período mais crítico da historia recente, cando despois das drásticas medidas de axuste na esfera social, correspondería darlle unha oportunidade ás políticas de crecemento, lonxe de versións opostas, o goberno do Partido Popular (PP), mantén a súa obstinación de proseguir coa redución do gasto público e o afondamento no sistema neoliberal, e esa que non outra, é a verdadeira interpretación que se desprende do proxecto destas contas anuais, que para nada son expresivas de poder deixar atrás a recesión.
Resultando obrigado confirmar que estamos ante un documento presupostario en clave continuísta, exento de cambios substanciais, sen expresión innovadora, nin modelo condutor á transformación económica; sendo a súa nota dominante o baleiro de formulacións alternativas á crise; condición indicativa que pon de manifesto que este proxecto de presupostos, sen establecer solución ningunha á problemática actual, si recalca a gravidade dun futuro pouco esperanzador, e iso é así, por mais difusión que prediquen eses iluminados que contra a dominante escuridade anuncian percibir luz ao final do túnel.
Suprimindo toda proclama publicitaria de apoloxía á confusión, é manifesto que, o proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2014, no que ao aspecto da economía produtiva se refire, non establece contención á evolución da crise, e tal carencia é sen dúbida o maior freo para a reactivación e a xeración de emprego; aspecto agravado en maior medida, ao ignorar no seu contido a obrigada transformación que precisa o modelo produtivo, como imprescindible remedio para cimentar un renovado e alternativo modelo de desenvolvemento; carencia acrecentada coa desatención ás necesidades en I+D+i civil, cuxa consideración resulta inevitable, para lograr a necesaria correlación entre o posicionamento competitivo e o impulso á innovación.
Tendo de acumular ao anterior, a total carencia de medidas para a estimulación do crédito,cuxa fluidez, é imprescindible para alentar o crecemento sostible; ao igual, que para a pervivencia e estabilidade das pemes e autónomos que conforman a hoxe debilitada estrutura produtiva.
Singular limitación, máxime, cando actualmente é o propio Goberno quen ostenta a propiedade da terceira parte de todo o sistema financeiro do país.
De aí que á parte de non merecer nin a mínima credibilidade, resulte un completo contrasentido definir como presupostos da "recuperación", aqueles que ademais de seguir afondando nos recortes, pechan o circuíto do crecemento e a expansión.
Uns presupostos como os presentes, que levan imprimida a marca da economía especulativa na súa portada e a letra dos mercados financeiros e a banca na súa redacción, obviamente, non conteñen directivas de estimulo para recuperar a función social da economía, pero si impulsos ás políticas de austeridade que defende o Partido Popular (PP) e que tan bos resultados depara aos seus protexidos, que en síntese son o verdadeiros instigadores da situación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario