11 oct 2013

FERROL, NO FUTURO DO NAVAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Na actual conxuntura, mentres o sector público naval non desterre a intervención política como exclusiva  norma de funcionamento e oriente o seu futuro acorde a canons empresariais, será de todo punto imposible falar  da súa reactivación.


Pretender examinar o difícil momento que está a atravesar o sector naval da ría de Ferrol, limitando toda análise ás continxencias do último bienio, ademais de resultar un despropósito delata un intento interesado de circunscribir ao marco da actualidade as causas dun problema de turbia historia e longo recorrido, coa absurda pretensión que teñen algúns, en concentrar nos feitos recentes toda carga de culpabilidade.


Un estúpido simulacro cuxa paternidade recae nos que despois de involucrarse ata as cellas, agora, cando as consecuencias dos seus nefastos manexos indican que a saúde do sector está en fase terminal, intentan sacudir a súa implicación nos feitos acusando os seus rivais de tan complexa situación, para dese xeito, poder evadirse de toda responsabilidade.

Clásico proceder de quen defende que o mellor medio de alcanzar o seu obxectivo de inocencia é tomar o camiño oposto á verdade.

O certo é que nesta bisbarra, sumida nunha crise extensiva dende trinta anos atrás como consecuencia dunha degradante reputación, resulta evidente que fáltalle dignidade dirixente e sóbranlle impostores, pois o persistido castigo ao seu principal sector produtivo foi e segue sendo unha manobra sen rexeitamento endóxeno, un atropelo consentido por uns representantes institucionais que no transcurso dos distintos ciclos de alternancia política, entre o PSOE e o PP, uns e outros, antepuxeron o mandato das súas siglas militantes a obrigada esixencia e defensa dun plan de futuro e continuidade dos estaleiros; renuncia persistida, que sen ningún xénero de dúbida foi o factor desencadeante da situación extrema na que actualmente está inmerso o sector.

Aí estivo presente o demérito duns parlamentarios incursos en fraude electoral, a deserción duns alcaldes afíns á vendeta, a degradante implicación sindical, como, tamén o camaleónico comportamento da representación empresarial; participantes, que lonxe de favorecer o oportuno ambiente de rehabilitación cumpriron a función oposta como colaboradores necesarios para consumar o actual estado de degradación.

Por iso que á vista dos feitos e despois de trinta anos consecutivos de nefasta xestión publica e un balance de resultados impresentable, é obrigado poñer remedio a esta situación decadente, solución, que inescusablemente pasa por blindar a administración das factorías do poder político, ao igual que de interferencias exóxenas, coa finalidade de establecer a súa traxectoria funcional, acorde ás directrices e a disciplina que rexen o funcionamento de toda empresa privada, establecendo unha dirección que recaia nun staff corporativo politicamente imparcial, conformado por representantes de prestixio que reúnan ademais dos requisitos profesionais apropiados, experiencia probada no sector e cuxa continuidade non se vexa alterada por avatares de índole electoral senón por índices de eficiencia  de  resultados e garantida solvencia.

Debe entenderse que a variabilidade cíclica do sector naval non pode continuar agravada por refachos electorais, que en reducida temporalidade motiven cambios na súa dirección executiva, pois as súas especiais características, requiren que a singularidade desta actividade mercantil lonxe de estar suxeita a alteracións por metamorfose política, desenvólvase nun marco de estabilidade e persistencia executiva como método de eficacia e único sistema efectivo de proxectar confianza na relación cos mercados, para así, poder sortear con éxito as dificultades de acceso ás fontes de contratación.


Un novo rumbo que resulta imprescindible para dar sentido empresarial a esta actividade, e evitar con iso que o goberno correspondente converta a xerarquía do seu control público nun activo político coa finalidade de conseguir rendementos electorais, por medio de enganosas promesas sen fiabilidade nin contrapartida de solvencia, como demostra o acontecido recentemente co cada vez mais cuestionado contrato con Pemex e a cada vez mais incerta construción do comprometido dique flotante, ou precedentemente, co frustrado compromiso de levantamento daquel veto de castigo, limitativo de todo acceso á construción naval convencional, e que contra todo prognóstico foi prorrogado coa aquiescencia insólita dunha ampla fracción da representación sindical.


De aí, que non caiban evasivas á responsabilidade nin tampouco prorrogas á insolvencia, pois queda visto que a eliminación do problema non se evita con improvisacións, nin tampouco tirando do receitario da sucesión política; o futuro do sector naval pasa por asumir erros de enfoque e establecer como única solución a súa privatización xestora, non sendo de recibo, manter por mais tempo a deficiente función de executivos inútiles nin de directivos de aparencia, cuxa nefasta xestión é a causa promotora da extrema situación que estamos a padecer, onde a absoluta carencia de carga de traballo ameaza con extinguir a continuidade e pervivencia deste sector estratéxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario