29 ago 2010

AS DEPUTACIÓNS E A TÁCTICA DA ESTRATEXIA




Aquela obsesión que certa formación política mantiña en suprimir as deputacións, parece que co paso do tempo teña ido perdendo fol, agora as circunstancias son outras, e os que noutro tempo cuestionaban a validez das entidades provinciais, resulta que a tempo presente sen indixestar contradicións, soterraron seu maximalismo subliminar de épocas pretéritas en permuta polas atribucións que lles confire o feito de arrogarse rango executivo na dirección colexiada das citadas corporacións.

Recoñecendo o dereito de evolución, de orixe, faise costa arriba asumir esta mutación no espazo e no tempo, por canto o cambio é tan radical que amais de investir as regras do consecuente, converten a incongruencia nunha consolidación estable.

Pero estas extravagancias irreflexivas non se poden denominar incongruencias cando os promotores da súa comisión pertencen a un determinado armazón político, pois non hai que esquecer que se trata de seres superiores que nunca se contradin, só se adecúan á táctica da estratexia, concepto este que non está ao alcance da compresión analítica das "mas media" por ser exenta do talento necesario para establecer conclusións de tamaño alcance.
Hase entender esta inferencia como unha cohesión coa asunción de autenticidade que autoproclaman os integrantes desta elite.

A quen a ambigüidade lle crea escozores non toma por inercia instalarse no incoherente, todo o contrario, promove rutas por itinerarios de consecuencia que lle leven alcanzar unha meta chamada obxectivo, pero para establecer esa finalidade, o primeiro que hai que determinar é se a vixencia do obxectivo mantense ou está deslocalizado, e a xulgar polo feitos isto último é o gran dilema que oculta quen nun exercicio de contradición, tenta manter intacta a súa virxindade ideolóxica e á vez comete promiscuidade permanente coa contradición e o antagonismo,

Sobre a necesidade da pervivencia das deputacións provinciais, dicir, que a singularidade e diversidade característica da tipología municipal de Galicia, fai necesario que dentro da esfera local, exista unha estrutura supra .- municipal que arbitre medidas correctoras e implante sistemas redistributivos, capaces de paliar os desequilibrios existentes entre os diferentes concellos, e que á vez manteña asesoramento permanente tanto técnico, económico como xurídico a aquelas corporacións locais que pola súa propia limitación teñan probada incapacidade para establecer servizos xenuínos.

Esta función é unha necesidade incontestable, claro que sempre haberá algún atolondrado que por mimetismo, expoña unha alternativa á catalá onde a partir do 2011 catro deputacións provinciais transformaranse é sete vaguerías (pero sobre iso falarei noutro momento)

Probada pois a necesidade dos organismos provinciais, o que con todo é verdadeiramente anacrónico, é o feito que despois de 30 anos de democracia a elección dos compoñentes corporativos realícese por sistema indirecto, co agravante de que necesariamente un deputado provincial ha reunir a condición de concelleiro electo, resultando que quen determina a elección do candidato non é a cidadanía a través das urnas, senón a súa propia formación política, e dicir, un expoñente en toda regra da democracia orgánica.

Esta anomalía de procedemento indirecto, mingua cualificación representativa e promove unha acumulación de cargos, e quizá en razón a iso, o Vicepresidente da Deputación de A Coruña e á sazón concelleiro de Narón, D Pablo Villamar, por atomización de funcións, teña caídas de memoria que lle provocan a síndrome do esquecemento, e amparado en tal padecemento, sen inmutarse, é capaz de facer que as súas contradicións se convertan en tomaduras de pelo.

Esa desorde mental tería unha proporción relativa, se a súa incidencia afectase a aspectos de carácter persoal, pero cando tal neglixencia toma escala e dimensión colectiva, amais dunha mofa, seus feitos, delatan a existencia intencionada dunha falta de respecto, e entón temos de concluír que, unha de dúas,…. ou estamos ante un irresponsable empedernido ou o que é mais grave o segundo de a bordo da deputación provincial exerce como irreflexivo profesional.

Pódeselle negar a IEN por Europa a viabilidade a concertar un convenio de colaboración co organismo provincial alegando aspectos de desencaixe cos labores da deputación, e tal razoamento ser asumido en correspondencia, pero cando o engano aflora e a xustificación aducida vén sucedida por unha desigualdade de trato, cando o prohibido para o noso colectivo é outorgado a terceiros, ante semellante afronta, poderiamos perdelo norte e caer na tentación de postularnos o ser ou non ser das deputacións provinciais.

Pero á vista dos feitos reflexivamente hase concluír, que o cuestionable non é o organismo, senón as persoas que o representan. e a mostra delo queda exposta


                                                                                                                          Xosémanuel Galdo - Fonte

No hay comentarios:

Publicar un comentario