PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
Se a quen establece pontes de diálogo acúsaselle de alta traizón, por saúde democrática, os excesos orais dos autores de tan desenfreada afronta non poden quedar impugnes debendo actuar de oficio a xudicatura por inxurias e calumnias.
A figura do relator non é o problema, pero si a xustificación que o PP e Ciudadanos utilizan para seguir tensando a situación na súa estratexia de derrubar ao goberno sen reparar para iso en establecer alianza de conveniencia cos ultradereitistas de VOX, para así en comandita, utilizando como fórmula a desestabilización do país avanzar no seu obxectivo de chegar á Moncloa, é dicir, utilizando o formato á venezolana.
Esa que non outra é a súa verdadeira finalidade, empregando para iso graves acusacións, falsidades e crispación na rúa, como tamén a interesada cantilena da “unidade de España”, cando a verdadeira causa de disgregación é a degradante corrupción política e a mais que cuestionada Constitución do 78, cuxa modificación non dubidan en referendar cando trata de satisfacer as apetencias dos mercados, pero que negan baixo sete chaves á hora de reaxustar o modelo de Estado á realidade territorial do país.
Antagonismo de quen mantén a súa adicción ao engano porque lle interesa a axitación política e o desarraigo como estratexia, para así seguir pescando electoralmente no río revolto da conflitividade.
É por iso que o auténtico propósito que persegue o “ trifascito” PP, Cs e Vox coa súa retórica provocadora e golpista, é abortar toda posibilidade de que o Goberno estableza pontes de diálogo en e con Catalunya, pois toda vía de solución negociada daría ao traste coa estratexia desta dereita recalcitrante, cuxa continuidade política, máis aló do diálogo vira ao redor da represión e a aplicación continuada do 155, ou o que é o mesmo, en manter un Estado de excepción permanente.
O paradoxal é que os membros desta dereita neoliberal que enchen a boca de patria e os balcóns de bandeiras, non teñen lexitimidade política algunha para erixirse en defensores da lei, tendo en conta que as súas prácticas cotiás son transgresións sistemáticas do marco legal; e non tan só pola súa relación continuada coa corrupción endémica, senón tamén polo asiduo quebrantamento de aspectos relacionados coa Lei de Memoria Histórica, e demais dereitos sociais recoñecidos constitucionalmente, porque tras a súa recorrente apelación ao Estado de dereito está sempre a apelación camuflada a un Estado de dereitas., indicando con iso que tras o seu proceder subxace unha concepción oportunista da lei.
Sendo por iso que para eles a crispación ten de estar por encima do consenso, e neste caso máis que nunca, pois tras o manido discurso do “ trifascito” contra a figura do relator, pola súa coincidencia coa presentación dos orzamentos percíbese un ataque desesperado para abortar a súa aprobación.
Unha manobra pactada por todo o espectro político dereitista, na que non podían faltar os medios de comunicación da súa órbita mediática que en aberta colaboración non dubidan en sacar todo o seu arsenal para favorecer a través da súa estratexia amarelada a consecución do obxectivo de acoso e derriba establecida, así como publicitar a campaña de axitación e propaganda de acompañamento onde o concepto patrio toma papel protagonista.
Os membros do “ trifascito” atribúense a condición de patriotas pola súa ofensiva contra o secesionismo, pero de ningún xeito poden arrogarse tal condición polo desempeño de accións que contribuísen a que o país fose mellor, pois probado está que todo o que fixeron foi no seu propio beneficio e en prexuízo do interese xeral, falando en por si o balance da súa xestión onde toma papel protagonista a súa interminable implicación en casos de corrupción.
Resultando de sobras coñecido, que exentos de ideais, neste país as dereitas no seu conxunto actúan en dirección contraria ao que predican, polo vínculo de obediencia que prestan desde sempre a quen ostenta máis poder na sociedade, é dicir ao poder económico que é o seu auténtico dono e máis fiel ao ouro que á bandeira, e son tan patriotas que vía evasión deixan de cotizar no país 59.000 millóns de euros anuais.
O que conduce a deducir polo seu silencio cómplice que as proclamas patriótica desde o “ trifascito” se desvirtúan por si mesmas para tomar formato de “ patriotería exaltada” ao só obxecto de axitar as masas e provocar un ambiente de fluctuación desde onde a través de subterfuxios poder quitar rendemento electoral.
A manifestación do 10 de Febreiro convocada por estes falsos patriotas, trata de empuxar ao Goberno fora do poder desde a protesta e a mobilización na rúa, e os seus promotores son os mesmos que camuflados de demócratas nunca deixaron atrás a caspa e as correaxes do fascismo, e que despois de homologados, sentíndose fortes e invencibles mostran sen o menor receo a súa verdadeira imaxe e identidade.
Non ter afrontado ao debido tempo un proceso de expurga dunhas elites que seguen sendo estruturalmente as mesmas que no franquismo, é a causa da gravísima involución que ameaza a estabilidade política do país, e como non podía ser doutra maneira, daquela permisividade este facherío que sacode a bandeira e adopta pose marcial ante imaxinarios perigos para a patria.
É por iso que a réplica dos demócratas non debe facerse esperar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario